Persoal directivo de preto de 250 televisións dunha trintena de países reúnese nestes días na cidade polaca de Poznan, na 40 edición da conferencia anual da Asociación Europea de Televisións Rexionais (Circom), que a finais de 2023 asinaba coa UVigo o convenio para a creación da primeira cátedra que promoven cunha universidade europea. Este acordo tiña como obxectivo central o desenvolvemento dun estudo sobre o nivel de adaptación das emisoras rexionais públicas ao proceso de transformación dixital, labor que están a levar a cabo investigadores e investigadoras da Facultade de Comunicación e cuxos primeiros resultados foron presentados este venres na segunda xornada deste evento. O director académico da Cátedra Circom-UVigo, Xosé Rúas, e a investigadora Talia Rodríguez foron os encargados de presentar o traballo de realización de enquisas e entrevistas a directivos e directivas de emisoras de diferentes países que se está a levar a cabo co obxectivo de coñecer o labor que realizan nos eidos da innovación e dixitalización.
Na segunda xornada desta conferencia os investigadores da UVigo presentaron os traballos realizados ata o de agora no marco dunha cátedra que xa deu lugar “a varias publicacións académicas en libros e revistas indexadas”, así como á participación “en varios congresos nacionais e internacionais”, como apunta Rúas. O director académico da cátedra encargouse de presentar as enquisas e entrevistas por videconferencia que están a levar a cabo para coñecer “como se adaptan á innovación e á contorna dixital” diferentes televisións integradas en Circom, asociación nas que están representadas, entre outras, a CRTVG e televisións corporacións autonómicas españolas.