A vella aspiración da Universidade de Vigo de contar cunha única Facultade de Enfermaría que dea acubillo ás tres escolas públicas adscritas actuais (Pontevedra, Ourense e Meixoeiro, en Vigo) vai camiño de converterse en realidade. Tras a aprobación da memoria de creación do novo centro no Claustro da pasada semana, este xoves o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, mantivo unha xuntanza coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e co director da escola, Miguel Ángel Piñón, para avanzar no proceso que implicará a desvinculación da actual Escola de Enfermería de Pontevedra respecto da Deputación e pasar a formar parte da futura facultade, que nacerá como centro propio da UVigo e contará con tres sedes, unha en cada campus.
Este proceso arranca, como explicaba o reitor, “tras varios anos de negociación” coas tres escolas, as consellerías de Sanidade e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación de Pontevedra. O obxectivo temporal é que a facultade bote a andar no curso 2024/2025 e impartirá de forma descentralizada nos tres campus o Grao en Enfermaría, así como o futuro mestrado, cuxa declaración de interese foi aprobada en Consello de Goberno do pasado mes de xaneiro. Ademais, como adiantou o reitor, traballarase dende a Universidade para dotar o centro tamén dun programa de doutoramento. “Será algo bo para todo o país, especialmente para o sur de Galicia”, subliñaba Reigosa.