“Estimular a creatividade e a innovación entre o alumnado da Universidade de Vigo a partir da revisión, reflexión e análise da produción cultural de Francisco Fernández del Riego” é, como recolle a súa convocatoria, o principal obxectivo do terceiro premio Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas, co que a Vicerreitoría do campus quere sumarse á conmemoración, o vindeiro mes de maio, do Día das Letras Galegas. Aberto á participación de todo o alumnado da UVigo, este certame propón que a produción cultural do escritor e ensaísta homenaxeado no presente ano sirva como inspiración para a creación dun “produto cultural ou tecnolóxico de diferente índole”. Nese senso, trátase dun certame na que o alumnado participante terá “liberdade e técnica e artística” para desenvolver todo tipo de obras inspiradas no traballo de Fernández del Riego, promovendo deste xeito que a súa produción literaria sirva como punto de partida para a creación de ilustracións, cómics, fotografías, infografías, pezas escultóricas, composicións musicais ou pezas audiovisuais.
“A pretensión fundamental é potenciar unha mirada da obra” deste ensaísta e escritor “desde outras concepcións artísticas, códigos e soportes”, recolle a resolución reitoral pola que se convoca a terceira edición deste premio, que a Vicerreitoría dedica cada ano á produción literaria do autor ou autora homenaxeado no Día das Letras Galegas. Ata o 4 de maio permanece aberto o prazo de presentación de traballos a un certame que busca “promover a creatividade do alumnado” e achegalos “ao personaxe homenaxeado no Día das Letras Galegas”, como salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres. De aí que destaque o positivo de dar continuidade a unha iniciativa que contribúe a que o estudantado indague “e faga a súa propia interpretación” da obra e traxectoria de Fernández Del Riego, que en 1992 se convertía no primeiro doutor honoris causa na historia da Universidade de Vigo. Escritor, intelectual e político, na traxectoria do autor homenaxeado neste 2023 destacan tanto os seus ensaios sobre a cultura e a literatura galegas, xunto á súa obra narrativa, ademais ter sido un dos impulsores da editorial Galaxia, director da revista Grial ou presidente da Real Academia Galega entre 1997 e 2001.