Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Achegar ao persoal investigador unha serie de ferramentas, ideas e estratexias que permitan dar maior difusión ao seu traballo é o obxectivo central das xornadas Redes sociais e IA para mellorar a visibilidade científica e académica, que este martes e mércores se desenvolven na Facultade de Comunicación. Promovida polo grupo CP2 Comunicación Persuasiva, trátase dunha iniciativa concibida como “un espazo de intercambio, exploración e traballo práctico arredor das posibilidades que ofrecen as redes sociais e a intelixencia artificial como aliadas para mellorar a comunicación pública das nosas investigacións, proxectos e accións de transferencia”, sinalan desde a organización.

Coordinadas pola profesora Mónica Valderrama e abertas ao conxunto da comunidade universitaria, estas xornadas teñen como obxectivo contribuír a “mellorar a visibilidade da actividade científica” do grupo CP2. Con ese propósito, o seu programa abrangue catro talleres, impartidos por profesionais e centrados en aspectos como a xeración de contidos accesibles e rigorosos para redes sociais, que contidos son máis adecuados para cada plataforma ou a creación de recursos divulgativos con ferramentas de intelixencia artificial. 

Como explicou Valderrama, estas xornadas parten da idea de que, “dalgún modo, hai que devolverlle á sociedade o que se está investindo nas universidades públicas” e unha forma de facelo “é contando o que se fai nos laboratorios e nas aulas”. Aínda que aberta á comunidade, explicou, esta iniciativa ten como principal destinatario o persoal docente e investigador, co obxectivo de que poidan empregar “ferramentas que están ao alcance de calquera”, como a intelixencia artificial, para que as súas iniciativas “poidan chegar a un público máis amplo”.

 

Ler a noticia completa no DUVI