Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A terceira edición do seminario Mulleres, feminismos, canon, que o Museo de Pontevedra organiza en colaboración coa Área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Vigo, reflexionará sobre os códigos éticos e estéticos arredor da imaxe da muller. Promovida pola Deputación, a xornada terá lugar o vindeiro venres 28 de febreiro e combinará as conferencias da exiptóloga e profesora da UVigo Iria Souto e do profesor honorario da Universidad Autónoma de Madrid Waleed Saleh Alkhalifa, coas visitas comentadas á colección do museo a cargo dos investigadores Helena Rodríguez Villar e Germán Labrador. 

Baixo o título de Códigos éticos e estéticos ao redor da imaxe da muller. Xuízos de valor e controversias sociais e culturais, este seminario buscará tanto revisar os estereotipos de xénero presentes na arte como as lecturas sobre o rol da muller na historia e no presente, a través dunha análise tanto dos canons estéticos coma dos códigos visuais como construcións culturais e sociais. Coordinado desde o Museo, na organización deste seminario participa desde os seus inicios a investigadora da Universidade de Vigo Fátima Braña, que lembra que se trata dun evento que conecta directamente coa súa liña de investigación “sobre feminismo e patrimonio cultural”, así como coa formación do alumnado da materia Patrimonio cultural, do Grao en Turismo e do Programa Conxunto de Estudos Oficiais (PCEO) Turismo-Historia, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, que participarán neste seminario.

Ler a nova completa no DUVI