Baixo o lema de Os medios galegos do futuro comezan nas aulas, a Asociación de Medios en Galego (Amega) promoveu unha serie de encontros nas tres universidades públicas galegas que nesta xornada permitiron pór de relevo na Facultade de Comunicación o papel que debe ocupar o idioma galego nos medios do futuro. Promovida co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e a colaboración da facultade, este evento buscaba reflexionar sobre os retos que viven os medios nunha época de “transformación profunda marcada pola intelixencia artificial, os novos hábitos de consumo, as redes sociais, a desinformación, a alfabetización mediática, os cambios nos modelos de negocio e a aparición de novos formatos”, sinalan desde a organización.
Con ese propósito, o encontro abrangueu unha serie de relatorios de investigadores, investigadoras e profesionais, centrados en cuestións como a proximidade, a especialización ou as novas narrativas e audiencias. Conducida por Tamara Novoa, directora do dixital A Movida, a xornada foi inaugurada pola decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García. Ambos reivindicaron nas súas intervencións o papel que debe xogar o idioma no futuro dos medios. Neste punto, Torres lembrou ao alumnado que cada ano saen das universidades españolas máis de 3000 novos titulados e tituladas no ámbito da comunicación e, neste contexto, “a lingua e a identidade” poden converterse nunha “vantaxe diferencial”. A decana resaltou neste punto o compromiso co idioma dunha facultade na que se forman “os futuros e futuras profesionais da comunicación e creadores de contido”. Nesa mesma liña García lembrou aos e ás asistentes “a importancia de utilizar o galego no voso labor profesional”, incidindo en que “nun mundo no que as tecnoloxías e o fluxo de información” fan que a comunicación viva un período de “continuo cambio”, existen “cousas que van permanecer, e a nosa lingua é unha delas”.
Ler a noticia completa no DUVI