Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Nacida co obxectivo de promover unha reflexión arredor do papel da lingua galega no ámbito da comunicación, a creación de contidos en redes sociais foi neste 2026 o eixe central da xornada Comunica en galego, que permitiu este luns coñecer diferentes proxectos divulgativos en redes sociais, relacionados coa arte, a música, a literatura e os municipios de Galicia. Promovida pola Facultade de Comunicación, co patrocinio da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, esta actividade contou coas intervencións de Candela Battiato, Paula Cantelar e Blanca Navarrete e Raúl Salgueiro, todos eles profesionais da comunicación formados nas tres universidades públicas galegas. Isto levou á súa vez a pór sobre a mesa a necesidade de “creadores e creadoras de contido, profesionais e con conciencia de que o que están facendo ten unha repercusión fundamental na sociedade”, como salientou a decana, Emma Torres.

“Non é necesario ter unha titulación de comunicación para crear contido, pero nós imos reivindicar que é necesario ter formación en comunicación para manexar un produto tan específico”, engadiu Torres na apertura desta xornada, na que o seu coordinador, o profesor Xosé Baamonde, salientou o interesante para o alumnado de poder coñecer de primeira man as experiencias neste eido “de tituladas e titulados en carreiras de comunicación”. A decana lembrou tamén que a Facultade de Comunicación conta co selo de galeguidade da UVigo polo seu compromiso co idioma, o que levouna a incidir na importancia que ten “a defensa da nosa lingua e da nosa cultura” na formación das futuras e futuros profesionais da comunicación. Neste punto, Torres lembrou que nun momento no que “estamos a vivir unha serie de campos bastante grandes, o papel da comunicación é fundamental, ata o punto de que podemos incluso afirmar que a comunicación está creando a sociedade”. 

Ler a noticia completa no  DUVI