Os Premios Nacionais de Creatividade 2025 reunirán a industria publicitaria española este venres e sábado en Donostia (San Sebastián) e alí estará tamén a estudante da Facultade de Comunicación da UVigo Xulia Vicente, como finalista da categoría Jóvenes Creativos. O traballo desta alumna do Grao en Publicidade e Relacións Públicas foi un dos seis seleccionados, de entre preto de 200 candidaturas, polo xurado responsable duns galardóns dirixidos a recoñecer as e os novos talentos do sector, no marco dun evento no que se premian os mellores traballos publicitarios do ano en España. A súa proposta e o resto de finalistas formarán parte así mesmo do Anuario de la Creatividad Española, na que a entidade promotora destes premios, o Club de Creatividad (c de c), reúne os mellores anuncios do ano.
“Xa non é só alucinante o feito de quedar finalista, senón aínda máis permanecer ‘gardada’ nun anuario que significa tanto”, salienta Vicente, quen destaca o valor de poder figurar, “aínda sen rematar a carreira”, nunha publicación que reúne anualmente “campañas de axencias e xente que admiro”, sinala. De feito, estes Premios Nacionais da Creatividade contaron neste 2025 con 1463 inscricións, que darán lugar a 423 mencións e 181 proxectos recollidos na XXVI edición deste anuario. De aí que esta estudante defina como “algo así coma un soño” a súa presenza como finalista na gala de entrega destes galardóns, despois de ter participado no evento en 2022 como voluntaria.