Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

 

A xunqueira de Alba será o punto de partida das curtametraxes que dez estudantes do campus de Pontevedra desenvolverán nos próximos meses no marco do taller Filmes como marismas, promovido polo Campus Crea xunto con Novos Cinemas. A artista e cineasta madrileña Candela Sotos, gañadora do Premio Latexos na última edición deste festival, será a encargada de guiar os dez alumnos e alumnas seleccionados no proceso de creación destas pezas, nas que explorarán tamén o traballo con materiais de arquivo “heteroxéneos e contraditorios”, sinalan desde a organización. Ata o 2 de outubro permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para participar nun obradoiro que se completará coa estrea dos resultados finais na xornada inaugural da décimo primeira edición deste festival.

O concepto de zona húmida como un espazo "de transición entre a terra firme e auga”, onde os materiais arrastrados pola corrente “deposítanse, mestúranse, descompóñense e reorganízanse”, conéctase neste taller coa idea de memoria, como “territorio intermedio entre a historia e o presente”. Nese senso, a proposta deste obradoiro é que as marismas de Alba constitúan un espazo “desde o que poder construír procesos creativos audiovisuais e experimentar coas capas temporais históricas que o conteñen”. De feito, un dos obxectivos é que as e os participantes traballen con materiais “heteroxéneos e contraditorios”, de arquivos propios ou atopados, e que os exploren “desde a montaxe non lineal, con esa idea de sedimentación”, de capas "que se acumulan sen eliminar o anterior”.

Ler a noticia completa no DUVI