A creación dunha obra teatral que permitise formar o público infantil na prevención do afogamento e na realización das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) e unha instalación artística xurdida dunha investigación centrada na obtención de papeis e tintas a partir de plantas exóticas e invasoras. Estes son os dous proxectos recoñecidos cos IV Premios CREA-Creatividade e Innovación, cos que o proxecto de especialización Campus Crea busca distinguir investigacións, obras creativas ou proxectos innovadores de carácter interdisciplinar.
Impulsados co apoio da Deputación de Pontevedra, no marco das actividades da Semana da Creatividade, estes premios contaron cunha modalidade dirixida ao persoal docente e investigador e outra ao alumnado. Na primeira, o galardón, dotado con 1500 euros, foi para Desafógate, un proxecto coordinado polos investigadores Begoña Paz e Roberto Barcala, do grupo Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O galardón da segunda modalidade, dotado con 750 euros, foi para a instalación artística The in-between (o medio no medio), realizada por Antía Iglesias no marco da investigación que desenvolveu para a súa tese, no doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible.
A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes inaugura este xoves a súa programación no presente curso cunha mostra na que o artista chileno César Gabler propón unha relectura da produción visual de Luis Seoane, partindo dunha serie de aspectos vinculados ao exilio, as vangardas e a cultura popular. Desenvolvida especificamente para a sala de exposicións do campus, Ultramarinos Seoane é a primeira mostra en España deste artista e docente da Universidade de Finis Terrae de Santiago de Chile e poderá visitarse ata o 22 de novembro. Co profesor da Facultade de Belas Artes Nono Bandera como comisario, a mostra, sinala, “articúlase a partir de cruces e asociacións arredor da obra” de Seoane e afonda en “como certas ideas ou prácticas artísticas viaxan dun lugar a outro, adáptanse e transfórmanse”.
Como explica Gabler, conversas previas con Bandera levárono a afondar na figura e traxectoria de Seoane (Bos Aires, 1910 – A Coruña, 1979), tanto polo seu interese “pola relación entre a arte e a cultura popular”, como por artistas que “traballaran en distintos medios”, lembrando neste punto as “incursións de Seoane no deseño, co proxecto de Sargadelos, que era en certa medida unha forma de levar a cultura tradicional á modernidade”. Ademais, o feito e que Seoane fose fillo de emigrantes e nacese na Arxentina, país ao que tivo que retornar como exiliado, facía del unha figura idónea para un proxecto que aborda tamén “o intercambio cultural entre España e América do Sur”, como destaca Gabler, que nos últimos anos protagonizou exposicións en Chile, Estados Unidos e Inglaterra. Estas conexións vense reflectidas á súa vez no título da mostra que, como engade Bandera, “non só fai mención ao azul de Seoane, senón tamén ao outro lado do mar” e a unha tenda na que atopar “algunha sorpresa inesperada”.
Un conxunto de pequenas pezas de papel washi xaponés, serigrafiadas a mano con tinta branca e nas que poden observarse diferentes fragmentos do plano da cidade xaponesa de Kyoto conforman A la deriva II, a obra que converte o investigador da Facultade de Belas Artes José Andrés Santiago no gañador do XIX Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica. Convocado pola Deputación da Coruña, trátase dun galardón cunha dotación económica de 6500 euros e a obra seleccionada formará parte dunha exposición na Fundación CIEC, en Betanzos.
Cunha “satisfacción enorme” recibía Santiago o fallo deste galardón, feito público este venres pola institución provincial, posto que, sinala, trátase “dun premio internacional moi competitivo, ao que se presentan artistas de moitos países”. O integrante do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research) lembra así mesmo que se trata dun certame “específico de arte gráfica”, coordinado por “unha institución de referencia" neste eido como a Fundación CIEC. De aí que vea ve neste galardón un recoñecemento tanto a súa traxectoria artística, “centrada en gran medida na gráfica contemporánea de campo expandido”, como ao labor investigador neste ámbito do grupo coordinado pola profesora Ana Soler.
Contribuír ao labor do persoal investigador do campus en ámbitos como os estudos sobre materiais ou a produción de prototipos é o obxectivo do Crea Lab, un laboratorio tecnolóxico de apoio á investigación no ámbito da creatividade, impulsado no marco do proxecto de especialización Campus Crea. “Trátase dun laboratorio con infraestruturas moi concretas, que se pon a disposición do persoal investigador na Casa das Campás”, sinala a directora de área do Campus de Especialización Campus Crea, Ana Belén Fernández Souto, respecto dun espazo equipado inicialmente con dúas impresoras 3D e un escáner 3D.
Encadrada no traballo de consolidación e fortalecemento do Campus Crea, co obxectivo de acadar a acreditación por parte da Xunta de Galicia, este laboratorio vén a complementar o equipamento informático actualmente existente na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría, coa que comparte este espazo e está a disposición da comunidade investigadora, mediante solicitude previa. “A idea é ir ampliando os servizos que se ofrecen ao abeiro do campus de especialización e ofrecer facilidade e solucións técnicas aos investigadores”, sinala Fernández Souto.
- Álvaro Gago guiará o alumnado na creación das curtas que estrearán en Novos Cinemas
- Campus Crea impulsa un congreso internacional que actuará como “motor da investigación arredor da creatividade”
- Tituladas e titulados de Belas Artes achegan ao alumnado da facultade as diferentes fases un proxecto artístico
- Dun proxecto académico a unha firma que se proxecta na Fashion Week Madrid