Muíñeiras, xotas, mazurcas, pasodobres e polcas soaron na tarde deste luns na pontevedresa praza da Verdura, espazo no que a Aula Permanente de Música Tradicional Galega abría o ciclo de actuacións no espazo público que desenvolve ao longo do mes de xuño. Dirixido a achegar á cidadanía os resultados da actividade formativa que a Vicerreitoría do campus promove desde hai seis cursos, esta primeira actuación tivo como protagonistas ás preto de 30 persoas que integran o grupo de gaitas e percusión desta aula. Co músico Suso Vaamonde como responsable, trátase dunha actividade formativa aberta á participación e toda a cidadanía, que permite iniciarse ou perfeccionar coñecementos no manexo de diferentes instrumentos populares.
Os avances neste eido das 44 persoas que participaron no presente curso nesta actividade fixeron posible a posta en marcha dun grupo estable de música tradicional no campus que, tras participar en diferentes actuacións dentro e fóra da Universidade, neste mes de xuño protagoniza unha serie de concertos en diferentes prazas da cidade. Programados todos eles para as 20.30 horas e impulsado coa colaboración do Concello, este ciclo arrancou na tarde deste luns na Verdura e trasladarase o día 12 á praza do Teucro, onde o grupo de gaitas e percusión estará acompañado en varias pezas polo coro sénior do campus de Vigo e polo novo grupo de baile tradicional do campus, xurdido do obradoiro de iniciación impulsado no presente curso por primeira vez. Á semana seguinte, a actuación trasládase á praza da Ferraría, onde estarán acompañados polo Grupo de Danza da Universidade de Santiago de Compostela. Finalmente, este ciclo pecharase o día 26, no último luns de xuño, cun concerto na praza de España protagonizado pola aula ao completo, tanto con gaitas e percusión como con acordeóns, zanfonas, ocarinas e frautíns,e no que participarán tamén outras seis agrupacións. Concretamente, sumaranse a esta actuación a Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde de Caldas de Reis, a asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, a agrupación folclórica Tequexetéldere da Estrada, a Escola Municipal de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes, a asociación cultural A Fuliada de Betanzos e o grupo folclórico Hai que Roelo de Cuntis.
Máis de 550 alumnas e alumnos das diferentes facultades e escolas do campus pontevedrés festexarán nas próximas semanas o final da súa etapa como universitarias e universitarios, que iniciaban poucos meses antes de que a pandemia da covid-19 obrigase ao confinamento e á conversión temporal da docencia en virtual. De aí que a súa capacidade de adaptación sexa unha das cuestións que se porá en valor nas diferentes graduacións que se desenvolverán no campus entre este venres e finais de xuño.
A primeira graduación no campus terá lugar na tarde deste venres, cando a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte despida aos e ás 233 integrantes das décimo primeiras promocións dos seus tres graos. Farao en tres actos consecutivos, que terán lugar no salón de actos do edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública e nos que actuará o Coro do Campus. En primeiro termo, recibirán as súas bandas e diplomas as 78 novas tituladas e titulados en Educación Infantil, que terán como padriño ao profesor Rubén Domínguez, e a continuación farano os 85 novos graduados e graduadas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, con Marián Fernández Villarino e Ezequiel Rey como madriña e padriño académicos. Os últimos en subir ao escenario serán os 70 novos titulados e tituladas en Educación Primaria, que escolleron á profesora Alicia González como madriña e ao PAS Francisco Pena como padriño. As intervencións da vicerreitora Eva María Lantarón; o decano, Óscar García, e o deputado provincial Gorka Gómez sumaranse nestes tres actos as verbas de María González, Aldara Pérez, Helena Pardo e Pablo Saldaña en representación dunhas promocións que, como lembra a vicedecana Eulalia Agrelo, “caracterízanse pola súa resiliencia”, xa que viviron “todas as fases da pandemia: desde o peche total e o reinicio das aulas polo Campus Remoto ata chegar á presencialidade plena”.
Como bailar nun serán. Ese é o título do obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego que, ao longo deste cuadrimestre, permitiu ás 18 persoas que cubriron as prazas ofertadas na primeira edición desta actividade un primeiro achegamento aos principais ritmos soltos e agarrados, como a muiñeira, a xota, o pasodobre e o valse. Inserido na programación cultural da Vicerreitoría do campus, este taller de 30 horas ten como docente á mestra de baile, pandeireta e canto tradicional Montse Rivera, integrante do grupo de pandeireteiras Leilía. “A maior parte das persoas comezaron de cero”, recoñece a responsable deste obradoiro de iniciación, que finalizará no mes de xuño e que ten como obxectivo que as e os participantes adquiran “uns coñecementos base” dos principais ritmos do baile tradicional, “para que poidan chegar a unha foliada e ser capaces de integrarse e incluso botar un punto”. Non obstante, como sinalara o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, trátase tamén da primeira edición dunha iniciativa “á que buscamos dar continuidade”, de tal xeito que poida, no futuro, dar lugar á creación dun “grupo estable” de baile no campus.
Deste xeito, esta iniciativa busca complementar outras propostas postas en marcha no campus como a Aula Permanente de Música Tradicional Galega, que tamén iniciou a súa andaina como obradoiro e que rematou facendo posible a creación dun grupo musical que ten protagonizado xa múltiples actuacións, tanto dentro como fóra da Universidade. “As pedras vanse poñendo pouco a pouco e a onde poidamos chegar vai depender de como o acolla a xente, pero, polas ganas que vexo, eu penso que ten futuro e que podemos chegar lonxe”, recoñece nesa mesma liña Rivera, sen esquecer, non obstante, “que non hai que correr cando non sabes andar”.
Reunir múltiples visións do que a creatividade supón e significa. Ese era o propósito de concurso de fotografía en liña impulsado polo Campus Crea no marco da programación da Semana da Creatividade e da Innovación. Aberto á participación de toda a cidadanía, este certame buscaba reunir en Instagram un conxunto de imaxes que permitisen reflectir a idea de creatividade no seu sentido máis amplo. Das diferentes fotografías publicadas nesta rede social co cancelo #creaUVigo2023 polos inscritos e inscritas neste certame, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio a unha imaxe que ten na natureza a súa principal protagonista e que foi realizada por Zeltia Patiño, estudante do Máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria. Dúas alumnas deste mesmo mestrado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Nerea Fernández e Cristina Pérez, foron así mesmo recoñecidas co segundo e terceiro premio.
Resultado un paseo polo monte “nun día no que se deixaba ver un pouco o sol despois dunha mañá chuviosa”, Patiño Diéguez concorreu a este certame cunha imaxe na que buscou “reflectir a creatividade coa sinfonía de cores que compoñen” unha composición que, recoñece, podería ter titulado “a calma do monte”. A súa fotografía foi recoñecida cun primeiro premio, dotado cun vale de 200 euros para gastar en material formativo e educativo no comercio local. Trátase, engade, do primeiro galardón que obtén por unha fotografía, tras ter sido premiada en dúas ocasións polos seus debuxos. De feito, esta graduada en Educación Primaria admite ter recibido con sorpresa este galardón e recoñece que ter cursado no mestrado dúas materias relacionadas coa arte, “axudoume a plasmar o que se pedía”.
Recuperada en 2022 despois de doce anos de parón, Pontevedra acollerá entre o 29 de maio e o 9 de xuño a súa XIV Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu), que permitirá coñecer as obras desenvolvidas nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, así como unha montaxe do alumnado da Universidade do Minho. Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello de Pontevedra, a Miteu desenvolverá a súa programación no Teatro Principal, con funcións programadas para as 21.00 horas, todas elas con entrada libre ata completar a capacidade da sala. A programación ábrese o vindeiro luns con Incendios, da aula de teatro de Vigo, e continúa o mércores con O mundo como vontade, do grupo Cordelia do campus de Ourense. O xoves 1, poderá verse a nova montaxe da aula do campus pontevedrés, Intermitencias, mentres que o xoves 8 presentarase As cidades agochadas, do grupo ourensán Maricastaña, pechándose a programación o venres 9 con Roleta Mortis, da Universidade do Minho.
“É unha actividade que ten a súa base nas aulas de teatro da Universidade e que serve para darlles visibilidade”, salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, que lembra que unha das montaxes é o resultado final do traballo realizado ao longo do curso na propia aula do campus, na que tanto estudantado como persoas alleas á comunidade universitaria iniciáronse no proceso de preparación dunha montaxe teatral. Trátase, como engade, dunha “actividade que tivo moita aceptación” e que tiña á fronte ao responsable de Teatro de Ningures, Salvador del Río, encargado tamén de coordinar unha mostra que recupera neste 2023 o seu carácter internacional da man da Universidade do Minho. Como apunta Torres, a súa participación constitúe o primeiro resultado “dunha liña de colaboración a nivel cultural, que contamos que terá continuidade”.
Promover a mobilidade internacional do estudantado, desenvolver proxectos de investigación que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e dar impulso ao proxecto de especialización Campus Crea. Estes son os eixes dos tres convenios cos que, como anunciou este mércores, a Deputación de Pontevedra “reforza a súa colaboración” coa Universidade de Vigo e aos que destina un total de 210.000 euros.
Destes fondos, 80.000 euros dedicaranse á posta en marcha dun programa de axudas para o desenvolvemento de proxectos de investigación en diferentes ámbitos, mentres que outros 100.000 destinaranse a promover a mobilidade do alumnado que participa en programas como o Erasmus+. Finalmente, o ente provincial achegará tamén 30.000 euros ao Campus Crea, para a realización conxunta de eventos culturais ou deportivos e de proxectos con entidades empresariais. Segundo destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o obxectivo destes acordos é “fomentar o coñecemento, favorecer unha mellor atención ao alumnado e á investigación” e tamén a “grandes proxectos que permiten referenciar á Universidade", como o Campus Crea.
As obras de dez antigos alumnos e alumnas da Facultade de Belas Artes, que a día de hoxe son profesionais da banda deseñada e da ilustración, reúnense na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, que este venres acollía a inauguración da exposición 9 narrativas gráficas e unha animación desesperada. Comisariada polo autor e editor de cómics Kiko da Silva, esta mostra permite achegarse ao traballo realizado no ámbito da banda deseñada por Brais Rodríguez, Jano, José Domingo, Julia Lago, Martín Romero, Miguel Cuba, Miguel Porto e Miguel Iglesias, así como polo propio comisario. A exposición, que poderá visitarse ata o 29 de xuño e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, presenta tamén unha animación e unha serie de bocexos que o tamén exalumno e gañador de catro premios Goya Alberto Vázquez realizou para o seu filme de animación Psiconautas.
“Que, por primeira vez, teñamos a sorte de traer banda deseñada á facultade creo que non é simplemente un feito momentáneo, creo que é un cambio”, salientou Da Silva neste acto, no que lembrou que ao cómic “custoulle moito ser recoñecido dentro do que é o ámbito artístico”. De aí que definise como un “acto de xustiza” a idea do novo coordinador da sala, Ignacio Pérez-Jofre, de dedicar unha exposición a creadores de banda deseñada formados na facultade. A través das obras dunha serie de artistas de diferentes xeracións, a exposición achega “unha pequena pincelada” do que representa na actualidade o panorama da banda deseñada en Galicia. Neste punto, Da Silva incidiu en como a ausencia dunha industria do cómic na comunidade e a formación en Belas Artes de boa parte dos seus profesionais contribúen a que na banda deseñada galega convivan “gran cantidade de estéticas e de procesos creativos”, reflectidos tamén nesta exposición.
Definido pola Real Academia Galega (RAG), da que foi presidente entre 1997 e 2001, como “un dos fundadores do galeguismo progresista”, Francisco Fernández del Riego desenvolveu un extenso labor intelectual, cultural e político nunha Galicia marcada pola ditadura franquista. A traxectoria no “exilio interior” do escritor homenaxeado neste 2023 no Día das Letras Galegas centrou na tarde deste mércores o acto conmemorativo promovido pola Vicerreitoría do campus, no que o tamén expresidente da RAG Xesús Alonso Montero afondou no labor político e literario do que fora un dos impulsores da editorial Galaxia e director da revista Grial. Ademais de para rememorar a súa figura, este evento serviu tamén para coñecer as creacións premiadas na terceira edición do certame Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas, no que se convidaba ao alumnado a reinterpretar a obra de escritor homenaxeado e dar forma a creacións en múltiples disciplinas que tivesen como inspiración a súa traxectoria e produción literaria.
Dúas alumnas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Macarena Gisellle Volluz e Laura Chaves, resultaron gañadoras dos dous premios, cunha dotación económica de 300 e 250 euros, outorgados nesta edición e que foron entregados no marco deste acto, que abriron as intervencións do reitor, Manuel Reigosa, e da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. Tras unha apertura na que se puxo o foco en que contribuír á preservación e promoción da lingua e da cultura galega é unha das misións fundamentais da Universidade, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña foi a encargada de presentar a Alonso Montero. Catedrático de Literatura Galega, membro da RAG e do Consello da Cultura Galega, o compromiso coa defensa do idioma de Alonso Montero e do propio Fernández del Riego foi outra das cuestións postas sobre a mesa nun acto que afondou no labor desenvolvido durante a ditadura por Fernández del Riego, quen en 1992 convertirase no primeiro doutor honoris causa na historia da Universidade de Vigo.
“A idea orixinaria da Unión Europea non hoxe é menos necesaria que antes. Outra cousa é como se está a executar na práctica”, sostivo o profesor ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Carlos Pereira Menaut na conferencia que este martes impartía na sede da Vicerreitoría do campus con motivo do Día de Europa. Co gallo desta conmemoración, a Cátedra Jean Monnet Institucións Europeas e Cidadáns, que dirixe o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, promoveu un coloquio con este catedrático de Dereito Constitucional, que puxo o foco tanto na traxectoria da UE como no seu futuro, mais tamén no propio momento que atravesa.
De feito, Pereira Menaut buscou en primeiro termo xerar unha reflexión “sobre a situación actual" da UE, nunha conferencia titulada A Unión Europea: entre o federalismo e o populismo, que foi presentada por Cancela e que puido seguirse tamén de xeito virtual, a través das plataformas da Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus). Este coloquio forma parte das actividades dunha cátedra financiada pola Comisión Europea que pon o foco nos efectos da dixitalización na UE, na que se insire tamén o obradoiro sobre a UE que este luns levou á Facultade de Dirección e Xestión Pública ao secretario técnico da AECT Río Miño, Lois Pérez Castrillo.