Preto dun centenar de investigadoras e investigadores de 17 universidades participan desde este luns, tanto de xeito presencial como virtual, no I Congreso Internacional de Creatividade, promovido polo Campus Crea no marco dos traballos para acadar a súa acreditación como campus de especialización. Promovido co patrocinio da Deputación de Pontevedra, no marco deste evento presentaranse 55 comunicacións que, desde unha perspectiva transdisciplinar, conectan a creatividade coa arte, o deseño, a comunicación e a educación, as catro áreas do Campus Crea. Complementado por unha serie de conferencias de académicos e profesionais, o congreso busca afondar “no poder transformador que ten a creatividade”, como sinalou Juan Manuel Corbacho, cordirector deste foro xunto ao tamén profesor da Facultade de Comunicación Jesús Pérez Seoane.
“Este primeiro congreso é un pulo para o proxecto de especialización dun campus con titulacións moi singulares”, sinalou a vicerreitora Eva María Lantarón, na inauguración deste foro, que se viu precedida por un minuto de silencio en memoria das vítimas da DINA no Levante. Lantarón recalcou tamén que o evento que este luns e martes se desenvolve tanto na Vicerreitoría do campus de Pontevedra como nas facultades de Deseño e Comunicación nace con vocación de continuidade, tras sinalar o “éxito” que supón contar nesta primeira edición “con máis de cen inscritos e inscritas e máis de 50 comunicacións”, presentadas por investigadores de 17 universidades de España e Portugal.
“A idea do taller era comezar na realidade e cambiar a realidade”, sinala Grzegorz Wnęk, profesor da Academia de Belas Artes de Cracovia, do obradoiro que impartiu esta semana no campus e que deu como resultado final o conxunto de obras que desde este venres poden verse na exposición Next to reality. Seis estudantes da Facultade de Belas Artes e dúas egresadas tomaron parte neste taller no que este artista e docente propuña crear cadros que tivesen como punto de partida a representación diferentes elementos da realidade cotiá, para logo transformala a través da incorporación de textos e novas imaxes.
Os resultados deste taller reúnense na exposición inaugurada nesta xornada na sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes, onde Wnęk impartiu o taller Next to reality, que tiña como obxectivo “desenvolver as posibilidades interpretativas e de imaxinación a través dun sistema multicapa, creando unha composición pictórica con diversas posibilidades de interpretación”. Con esa idea, o artista e docente reuniu un conxunto de elementos na propia sala, nunha sorte de bodegón no que tiñan cabida desde unha planta ata unha pantalla de ordenador. Mais o seu propósito non era que as e os participantes representasen esas pezas, senón empregalas como punto de partida para “irmos á seguinte realidade”. Con esa idea, as e os participantes debían pintar primeiro un fragmento desa realidade, para logo reinterpretala incorporando dous novos elementos; a introdución de texto na imaxe, que podía ser tanto un fragmento dunha obra literaria como unha creación propia; e unha nova imaxe pictórica, coa idea de establecer “novas conexións e posibles lecturas da obra”.
A propia natureza da performance como unha arte ligada un momento e un público concreto, que non deixa unha obra de carácter permanente, fai tamén que a investigación sobre esta disciplina poida xogar un papel clave no seu propio desenvolvemento. Coa idea de promover o estudo teórico desta disciplina, o grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos impulsaba hai preto dunha década Fugas e Interferencias, o único congreso académico centrado na performance de España. Coa participación de investigadores e investigadoras dunha decena de universidades de España, Portugal, Estados Unidos, Grecia e Reino Unido, a sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerán entre o 31 de outubro e o 2 de novembro a novena edición deste congreso, que combinará a presentación de estudos con conferencias e performances.
Dirixido polos investigadores Carlos Tejo e Marta Pol, a IX International Performance Art Conference Fugas e Interferencias reunirá en Pontevedra e Santiago de Compostela investigadores, docentes, artistas, comisarios e xestores culturais, nun foro no que o número de participantes, “lonxe de decrecer, aumenta ou se mantén”, sinala Tejo. Xunto a representantes de seis universidades españolas, nesta edición participarán tamén investigadoras e investigadores das universidades de Nova York, Surrey e Ioánina e do Instituto Politécnico de Cávado e Ave de Barcelos. Nese senso, Pol pon de relevo que “o carácter internacional do congreso está presente desde o principio”, á vez que incide no obxectivo a futuro de “aumentar a presenza estatal” e poder afondar na "incipiente investigación nesta práctica e investigación artística".
No marco das actuacións do Campus de Especialización CREA, tentamos promover a cooperación entre diferentes grupos de investigación e fomentar a aparición de novas perspectivas de investigación que impliquen a grupos de distintos ámbitos.
A presente convocatoria ten por obxecto a organización dunha xornada de investigación dirixida a persoal investigador pre-doutoral que cumpra os requisitos sinalados no apartado 2, co obxectivo de contribuír ao intercambio de coñecemento e á mellora da actividade investigadora.
A xornada de investigación realizarase o día 6 de novembro de 2024 na Escola de Enxeñaría Forestal no Campus de Pontevedra. O desenvolvemento da actividade xirará entorno á presentación das liñas de investigación nas que traballan os doutorandos, para o que as persoas participantes disporán dun tempo determinado para realizar un short-talks.
Na semana seguinte, os pósters presentados permanecerán expostos na instalacións da Escola de Enxeñaría Forestal.
Requisitos para a participación na xornada de investigación
Poderán participar todas aquelas persoas que desenvolven actividade investigadora no Sistema Universitario Galego (SUG) sempre que cumpran os seguintes requisitos:
Ser estudante de doutoramento con matrícula en programas de doutoramento que sexan afíns aos obxectivos do Campus CREA e que enmarquen a súa investigación nas áreas de creatividade e comunicación, creatividade e deseño, creatividade e belas artes, creatividade e educación.
Formalización das solicitudes e prazo de presentación
O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto ata o día 31 de outubro de 2024.
Os participantes deberán formalizar a súa inscrición na xornada escribindo ao correo electrónico:
Unha vez aceptada a inscrición na xornada, as persoas participantes recibirán indicacións para proceder á impresión dos paneis. O custe da impresión dos pósters realizados polo persoal investigador que participe será asumido pola organización.
Todos os participantes recibirán un diploma de asistencia emitido pola Universidade de Vigo.
Para máis información:
Secretaría técnica do Campus de Especialización CREA
986 802 087
“Os procesos de creación sempre están cheos de dubidas, de moita soidade, de momentos nos que é fácil caer no desánimo”, recoñece a profesora da Facultade de Belas Artes Almudena Fernández Fariña, quen define como “unha motivación para seguir no camiño que vas desenvolvendo” o recoñecemento que supón ter sido proclamada gañadora dos XLVII Premios da Crítica de Galicia na modalidade de artes plásticas. “Para min, este premio será ese momento que rescate da memoria cando as cousas non saian o ben que desexo”, engade a tamén directora do Departamento de Pintura da Universidade, que recollía este galardón nun acto celebrado este sábado en Vigo, no que se fixo público o nome das persoas e proxectos seleccionados nas dez categorías destes premios.
“A faceta creadora ten esa parte marabillosa de que estás nese lugar no que desexas estar, pero tamén ten moitos momentos de dúbidas e incertezas e pasas moitos momentos nos que ninguén ve o que fas, polo que che recoñezan cun premio é algo que che fai pensar que tes que seguir nese camiño”, engade a docente e investigadora do grupo dx5. Na 47 edición destes galardóns, Fernández Fariña foi seleccionada finalista na categoría de artes plásticas destes premios xunto a “dúas artistas que admiro moito”, Menchu Lamas e Bea Lema, algo que para ela supuña xa “un auténtico agasallo e un privilexio”, recoñece, ao tempo que destaca o labor duns galardóns “que, de forma ininterrompida, levan máis de 40 anos apoiando a arte, a investigación e a ciencia”.
A creación dunha obra teatral que permitise formar o público infantil na prevención do afogamento e na realización das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) e unha instalación artística xurdida dunha investigación centrada na obtención de papeis e tintas a partir de plantas exóticas e invasoras. Estes son os dous proxectos recoñecidos cos IV Premios CREA-Creatividade e Innovación, cos que o proxecto de especialización Campus Crea busca distinguir investigacións, obras creativas ou proxectos innovadores de carácter interdisciplinar.
Impulsados co apoio da Deputación de Pontevedra, no marco das actividades da Semana da Creatividade, estes premios contaron cunha modalidade dirixida ao persoal docente e investigador e outra ao alumnado. Na primeira, o galardón, dotado con 1500 euros, foi para Desafógate, un proxecto coordinado polos investigadores Begoña Paz e Roberto Barcala, do grupo Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O galardón da segunda modalidade, dotado con 750 euros, foi para a instalación artística The in-between (o medio no medio), realizada por Antía Iglesias no marco da investigación que desenvolveu para a súa tese, no doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible.
A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes inaugura este xoves a súa programación no presente curso cunha mostra na que o artista chileno César Gabler propón unha relectura da produción visual de Luis Seoane, partindo dunha serie de aspectos vinculados ao exilio, as vangardas e a cultura popular. Desenvolvida especificamente para a sala de exposicións do campus, Ultramarinos Seoane é a primeira mostra en España deste artista e docente da Universidade de Finis Terrae de Santiago de Chile e poderá visitarse ata o 22 de novembro. Co profesor da Facultade de Belas Artes Nono Bandera como comisario, a mostra, sinala, “articúlase a partir de cruces e asociacións arredor da obra” de Seoane e afonda en “como certas ideas ou prácticas artísticas viaxan dun lugar a outro, adáptanse e transfórmanse”.
Como explica Gabler, conversas previas con Bandera levárono a afondar na figura e traxectoria de Seoane (Bos Aires, 1910 – A Coruña, 1979), tanto polo seu interese “pola relación entre a arte e a cultura popular”, como por artistas que “traballaran en distintos medios”, lembrando neste punto as “incursións de Seoane no deseño, co proxecto de Sargadelos, que era en certa medida unha forma de levar a cultura tradicional á modernidade”. Ademais, o feito e que Seoane fose fillo de emigrantes e nacese na Arxentina, país ao que tivo que retornar como exiliado, facía del unha figura idónea para un proxecto que aborda tamén “o intercambio cultural entre España e América do Sur”, como destaca Gabler, que nos últimos anos protagonizou exposicións en Chile, Estados Unidos e Inglaterra. Estas conexións vense reflectidas á súa vez no título da mostra que, como engade Bandera, “non só fai mención ao azul de Seoane, senón tamén ao outro lado do mar” e a unha tenda na que atopar “algunha sorpresa inesperada”.
Un conxunto de pequenas pezas de papel washi xaponés, serigrafiadas a mano con tinta branca e nas que poden observarse diferentes fragmentos do plano da cidade xaponesa de Kyoto conforman A la deriva II, a obra que converte o investigador da Facultade de Belas Artes José Andrés Santiago no gañador do XIX Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica. Convocado pola Deputación da Coruña, trátase dun galardón cunha dotación económica de 6500 euros e a obra seleccionada formará parte dunha exposición na Fundación CIEC, en Betanzos.
Cunha “satisfacción enorme” recibía Santiago o fallo deste galardón, feito público este venres pola institución provincial, posto que, sinala, trátase “dun premio internacional moi competitivo, ao que se presentan artistas de moitos países”. O integrante do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research) lembra así mesmo que se trata dun certame “específico de arte gráfica”, coordinado por “unha institución de referencia" neste eido como a Fundación CIEC. De aí que vea ve neste galardón un recoñecemento tanto a súa traxectoria artística, “centrada en gran medida na gráfica contemporánea de campo expandido”, como ao labor investigador neste ámbito do grupo coordinado pola profesora Ana Soler.
Contribuír ao labor do persoal investigador do campus en ámbitos como os estudos sobre materiais ou a produción de prototipos é o obxectivo do Crea Lab, un laboratorio tecnolóxico de apoio á investigación no ámbito da creatividade, impulsado no marco do proxecto de especialización Campus Crea. “Trátase dun laboratorio con infraestruturas moi concretas, que se pon a disposición do persoal investigador na Casa das Campás”, sinala a directora de área do Campus de Especialización Campus Crea, Ana Belén Fernández Souto, respecto dun espazo equipado inicialmente con dúas impresoras 3D e un escáner 3D.
Encadrada no traballo de consolidación e fortalecemento do Campus Crea, co obxectivo de acadar a acreditación por parte da Xunta de Galicia, este laboratorio vén a complementar o equipamento informático actualmente existente na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría, coa que comparte este espazo e está a disposición da comunidade investigadora, mediante solicitude previa. “A idea é ir ampliando os servizos que se ofrecen ao abeiro do campus de especialización e ofrecer facilidade e solucións técnicas aos investigadores”, sinala Fernández Souto.