Resultado dun proceso de traballo no que contou coa colaboración dun grupo de estudantes da Facultade de Belas Artes, o artista británico Simon Callery presenta na tarde deste xoves na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes unha obra de grandes dimensións que é o resultado final de semanas de traballo en contacto directo coas paisaxes do río Lérez, Cabo Udra e Mogor. Baixo o título de The making of a painting / Facer unha pintura, este espazo expositivo acollerá ata o 30 de abril a que é a terceira exposición en España dun artista que ao longo das últimas tres décadas protagonizou un bo número de mostras, tanto no Reino Unido como en diferentes países. Nela poderá verse tanto unha pintura que, explica Callery, “non é unha representación da paisaxe”, senón que foi “feita en contacto” con esta, como un vídeo que documenta o proceso de traballo para a realización desta peza.
“A obra non fala sobre un lugar, senón que provén del. É unha pegada do territorio, pero non está intentando representalo”, destaca Elena Bangueses, comisaria dunha exposición promovida coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e do Departamento de Pintura da UVigo. Como explica o coordinador da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e vicedecano de Cultura de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre, a obra de Callery defínese por “unha concepción da pintura marcada pola materialidade” e tamén por “un traballo moi relacionado co territorio”, o que sumado a que o artista londiniense xa tiña desenvolvido procesos colaborativos previamente levárono a convidalo á realización “dun taller, coa intervención de estudantes, encamiñado a producir unha obra”.
Tras a reunión que a pasada semana mantiñan o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e as vicerreitoras do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; a institución provincial anunciou este luns un investimento de 165.000 euros para impulsar unha serie de proxectos conxuntos neste 2024. Concretamente, segundo comunicou este luns López, a través dunha carta remitida ao reitor, a Deputación destinará 80.000 ao financiamento de iniciativas investigadoras, 55.000 ao impulso do Campus Crea e 30.000 a proxectos conxuntos entre a Universidade e empresas.
Por unha banda, a institución provincial destinará 80.000 euros á financiamento de dez iniciativas de investigación, que se distribuirán en 7.900 euros para cada un dos proxectos seleccionados, máis outros mil para a publicación dos seus resultados. Esta iniciativa daría continuidade ao programa de axudas para o desenvolvemento de investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia, impulsada en 2023 e que posibilitou o financiamento de oito proxectos do persoal investigador do campus de Vigo e Pontevedra.
Promover unha reflexión sobre as “novas derivas” da arte gráfica e sobre a reformulación dos seus procesos formais, técnicos e conceptuais cara unha “arte múltiple máis complexa e expansiva, que se instala no espazo”. Ese é o obxectivo dunha convocatoria impulsada polo grupo de investigación dx5 (Digital & graphic art research) e aberta tanto á participación de estudantes de Belas Artes e de estudos artísticos superiores de toda España, como de titulados e tituladas de 2014 en diante. O seu obxectivo é seleccionar as obras que formarán parte de Germinal, a exposición que o grupo dx5, en colaboración coa facultade, promoverá en maio na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes.
Ata o vindeiro martes 12 de marzo permanece aberto o prazo de presentación de proxectos a unha convocatoria dirixida a obras múltiples ou seriadas, instalacións e outra serie de intervencións “en cuxa esencia se mostre a multiplicidade”. Deste xeito, Germinal buscará abordar a incidencia da formación artística actual no desenvolvemento de proxectos de arte múltiple, que achegan novas perspectivas a “conceptos fundacionais” da arte gráfica, como a idea de matriz e pegada ou os “procesos de repetición e transformación”, como sinalan desde o grupo de investigación. Dos proxectos presentados seleccionaranse entre catro e seis para unha exposición que se insire no proxecto O múltiple que ocupa o espazo, que o grupo desenvolverá coa colaboración do Concello de Pontevedra e o financiamento da Xunta de Galicia, no marco das axudas a grupos de referencia competitiva, e cuxa programación presentarase proximamente.
Co concepto de tempo como núcleo temático, a Semana Galega de Filosofía celebrará do 1 ao 5 de abril os seus 40 anos de traxectoria, e farao contando novamente coa colaboración da Universidade de Vigo. Con ese obxectivo, este venres tivo lugar a sinatura do anexo ao acordo marco que a institución académica mantén desde 1996 coa Aula Castelao de Filosofía, que por segundo ano consecutivo participará na organización das Xornadas de Pensamento e Creación, no marco das actividades da Semana da Creatividade.
“Un dos nosos obxectivos é achegar o coñecemento á sociedade e iso é algo que conseguimos a través da colaboración con asociacións como a Aula Castelao”, salientou a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, tras a sinatura deste acordo, xunto ao coordinador desta entidade, Alexandre Cendón. A vicerreitora lembrou que a Semana Galega de Filosofía é un evento aberto ao público, que contribúe “a transferencia do coñecemento”, e no que se insiren un conxunto de “conferencias divulgativas, que poden ser de interese tanto para o alumnado e o profesorado como para a poboación en xeral”.
Por terceiro ano consecutivo, Belas Artes participa no proxecto Arte em Tránsito, unha iniciativa promovida pola Cámara Municipal e o Cine Teatro João Verde de Monção, no que estudantes da UVigo, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e da Escola Superior Artística do Porto (ESAP) traballan conxuntamente na realización duns cadros inspirados nas paisaxes e na tradición vitivinícola deste municipio do norte de Portugal. Con ese propósito, os alumnos da facultade Río Marbán e Paloma Domínguez Musso participaban recentemente no segundo encontro desta iniciativa, xunto ás alumnas do IPVC María Ferreira e Patrícia Silva. No marco da súa estadía nunha quinta dedicada á produción de viño, as estudantes interviñeron sobre catro lenzos nos que previamente traballaran outros seis estudantes, no primeiro encontro do proxecto.
Estes lenzos permanecerán agora expostos no Museu do Alvarinho de Monção ata maio, cando teña lugar un novo encontro, no que as obras serán de novo transformadas por estudantes das institucións participantes, completando así unha nova edición dun proxecto de “pintura colaborativa”, no que participaron ata o de agora 16 estudantes da facultade pontevedresa. De feito, Belas Artes acollía o pasado mes de decembro a exposición itinerante na que se mostran os cadros realizados nas dúas edicións previas de Arte em Tránsito.
Como unha exposición que “pretende xerar unha reflexión acerca da identidade, a desigualdade, a violencia e a convivencia” define a catedrática da Facultade de Belas Artes Yolanda Herranz Compartir es vivir, unha mostra que reivindica o papel das artistas a través dunha serie de obras “concibidas desde unha consciencia crítica e un posicionamento feminista”. Comisariada por Herranz e a artista e colaboradora do grupo de investigación ES2 Celeste Garrido, a exposición estreouse a finais de 2022 en Marín, reunindo as creacións de 15 artistas de seis países, que agora poden verse no Museo de la Mujer de México, na que é a primeira parada desta exposición en América Latina.
Dependente da Universidad Nacional Autónoma de México (UNAM), este museo acolle ata o 31 de marzo un proxecto expositivo que contou co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidades e que se insire nas iniciativas da Colectiva Portal de Igualdad, que ten entre as súas liñas de actuación “o desenvolvemento dunha museografía feminista”, como apunta Herranz. Coa colaboración tamén do colectivo Clásicas y Modernas, Compartir es vivir presenta, entre outras obras, a peza ¿Tienen que estar desnudas las mujeres para entrar en la MET?, unha adaptación ao castelán da obra máis emblemática das Guerrilla Girls, un colectivo de artistas xurdido na década de 1980 nos Estados Unidos co obxectivo de reivindicar a discriminación das mulleres na arte.
Creada en 2004, co obxectivo de promover a cooperación entre cidades que identifiquen a creatividade como un factor estratéxico de desenvolvemento urbano sostible, a Rede de Cidades Creativas da Unesco está integrada por preto de 250 urbes de diferentes partes do mundo. Analizar vías de colaboración para unha posible candidatura coa que Pontevedra poida optar a formar parte desta rede foi o obxectivo central da xuntanza que mantiveron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. Neste encontro, que tivo lugar o pasado venres e que tiña como obxectivo dar os primeiros pasos á hora de estudar a posibilidade de entrar a formar parte deste rede internacional, participaron tamén o concelleiro de Educación, Demetrio Gómez; a directora de Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, e o director de área adxunto á vicerreitoría, Luis Torres.
“É unha proposta que esperta interese polas dúas partes”, recoñece Fernández Souto, que incide en que trátase dunha iniciativa “que entronca directamente co Campus Crea e coas titulacións que se imparten na cidade, así como coa súa propia actividade cultural”. De aí que neste encontro trasladasen aos responsables municipais que “a Universidade colaborará en todo o necesario” nos traballos de preparación dunha candidatura, “que é unha petición que terá que efectuar o Concello”.
Como un espazo para a docencia de materias ligadas ao audiovisual, pero tamén para a proxección de múltiples contidos, preséntase a Aula de Cine da Facultade de Comunicación. A instalación dunha pantalla, un proxector e un equipo de son, sumados aos traballos de acondicionamento e iluminación realizados coa colaboración da Vicerreitoría do campus, permitiron á facultade converter a antiga aula 3 nun “espazo híbrido”, como o define a decana, Emma Torres. Por unha banda, porque contribuirá á formación do alumnado “en materias que requiren da visualización de filmes cunhas condicións adecuadas”, e por outra, porque se trata tamén dun espazo para a exhibición de múltiples producións audiovisuais, con capacidade para 116 persoas.
“Na facultade estane facendo moita produción audiovisual de gran calidade e consideramos que tanto para docencia como para exhibición necesitamos un espazo que reúna unhas condicións específicas”, salientou Torres da iniciativa impulsada polo centro, que este mércores celebraba a súa inauguración. “Para a Universidade, todas as accións que poidan supor unha mellora na adquisición de competencias e no desenvolvemento do currículo do noso alumnado, son algo prioritario”, engadiu a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, nun acto no que participaron tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil, e Paulino Pérez, vicedecano e codirector da XIII Máster Class Audiovisual Galego (Augal), que desde esta xornada pasa a desenvolverse neste espazo.
Coordinado polos investigadores do grupo CP2 da Facultade de Comunicación Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto, o proxecto Mapa de la Desinformación en las Comunidades Autónomas y Entidades Locales de España y su Ecosistema Digital (FAKELocal) pon o foco nos efectos da desinformación nun ámbito pouco analizado, como é a política autonómica e local. No marco desta iniciativa e en colaboración con Newtral, un grupo de 15 alumnos e alumnas desta facultade fórmanse nestas semanas no manexo de técnicas e ferramentas de verificación de datos, pondo os seus coñecementos en práctica nun seguimento dos debates das autonómicas galegas. Tamén no marco deste proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, nestes días ve a luz un libro que afonda no impacto da desinformación na esfera local, realizado coa colaboración da Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC) e que reúne as achegas de 15 especialistas de diferentes universidades.
Inserido tanto nas actividades deste proxecto como nos labores de formación e alfabetización mediática de Newtral Educación, alumnado das tres universidades galegas participa nestes días nun Verificatón, dirixido a que o estudantado coñeza como se desenvolve un proceso de fact-checking coincidindo cos debates televisivos previos ás eleccións autonómicas. No caso da Facultade de Comunicación, 15 estudantes da materia do Grao en Publicidade e Relacións Públicas Técnicas de Comunicación Electoral, que imparten Rúas e Iván Puentes, sumáronse a unha iniciativa que abrangueu en primeiro termo unha xornada de formación sobre como comprobar, con datos e fontes, a veracidade das afirmacións realizadas no marco dun debate.