Egresado da Facultade de Comunicación, o cineasta Álvaro Gago retornará ao campus pontevedrés nas próximas semanas para titorizar dez estudantes e egresados e egresadas na realización das curtametraxes que presentarán na primeira xornada do festival Novos Cinemas. Promovido pola Vicerreitoría do campus e o festival, ata o 1 de outubro permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para participar no taller Cine rachado e consciente na praza do teu pobo, no que o director de Matria levará o estudantado a “repensar a contorna que nos rodea co fin de abrir novas posibilidades”, segundo sinalan desde a organización.
Dando continuidade a unha iniciativa que en cursos previos permitiu ao alumnado do campus traballar con directores como Oliver Laxe ou Jaione Camborda, trátase dun taller articulado en catro sesións, que dará como resultado final as curtas coas que as seleccionadas e seleccionados estrearán en decembro, no marco da programación da novena edición de Novos Cinemas. Nesta ocasión, farano cos resultados dun obradoiro que levaraos a buscar “no cotiá e no aparentemente xa coñecido e transitado” o material para as súas curtas. Como recolle o texto de presentación deste taller, o obxectivo desta actividade é en primeiro termo achegarse a aqueles filmes que amosan “unha maneira singular de estar e relacionarse co mundo”, para logo “traer á superficie esas olladas propias e reveladoras” dos seleccionados e seleccionadas.
Exercer “como motor da investigación arredor da creatividade” e mais concretamente, sobre as súas conexións coa comunicación, o deseño, a arte e a educación, os catro eixes do proxecto de especialización Campus Crea. Ese é, como sinalaba a vicerreitora Eva María Lantarón, o obxectivo central do I Congreso Internacional de Creatividade, impulsado polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra. “A organización deste congreso é un evento clave para a configuración do campus de especialización de Pontevedra”, sinalou Lantarón dun evento que se desenvolverá o 4 e 5 de novembro na Casa das Campás e que combinará no seu programa as conferencias de profesionais e académicos coa presentación de investigacións que conecten a creatividade coas catro áreas do proxecto de especialización.
Xunto a Lantarón, Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación, e Juan Manuel Corbarcho, codirector deste congreso xunto co tamén profesor da Facultade de Comunicación Jesús Pérez Soeane, presentaron este xoves un evento que pretende “situar Pontevedra como cidade creativa de referencia”. Trátase, como sinalou a vicerreitora de campus, dun evento que “atraerá docentes e investigadores a nivel nacional e internacional” e que "permitirá dar unha grande visibilidade non só ao campus, senón tamén á cidade”, no marco dos traballos para acadar a acreditación do Campus Crea. Nesa mesma liña, o vicepresidente da Deputación, que financia este evento con preto de 20.000 euros ao abeiro dun convenio de colaboración, destacou o positivo destas “sinerxías” á hora de facer de Pontevedra “un faro da cultura e da creatividade”.
Desde as ideas descartadas e os primeiros bocexos á formalización dun proxecto para unha materia, para o traballo de fin de grao (TFG) ou para concorrer a premios ou certames. Dez antigas e antigos alumnos da Facultade de Belas Artes comparten este luns co estudantado actual as súas experiencias nas diferentes fases de desenvolvemento dun proxecto artístico, na terceira edición dunha xornada organizada polo Departamento de Pintura. Coordinada polo investigador Carlos Fernández, Percorrido dun proxecto reúne cada ano o estudantado que o pasado curso superou a materia Proxectos de Debuxo e Pintura, do último curso do grao, con aqueles e aquelas que a inician nestas semanas.
Aberta tanto ao alumnado da facultade como a público en xeral, esta actividade permite que o estudantado que nos próximos meses terá que enfrontarse tanto ao desenvolvemento dun proxecto para esta materia como á realización dos seus TFG poida ver “como outras comezaron con ideas moi vagas ou bosquexos nun caderno”, lembra Fernández. Ao mesmo tempo, coñecerán tamén como “todas esas ideas ao final concretáronse en proxectos moi sólidos, moi ricos, despois de moitas horas de dedicación”, engade. A través dunha serie de presentacións, este grupo de antigas alumnos e alumnas aborda tanto os proxectos que desenvolveron e nos que continúan traballando como “as ideas que descartaron, como se formulou todo, cales foron os erros e acertos, como evolucionaron cara outras ideas...”, do mesmo xeito que comparten tamén as súas “motivacións, referentes e os aspectos formais e discursivos implícitos nas súas propostas”.
O pasado mes de novembro, Andrea Rodríguez presentaba a súa colección Me lo pido en Debut, o desfile no que os novos egresados e egresadas do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda amosan os proxectos que desenvolveron como traballo de fin de máster. Parte desta colección e novas pezas que continúan esa liña de traballo poden verse nestes días na 80 edición da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid, despois de que Rodríguez Eiras fose unha das quince deseñadoras seleccionadas para participar no Showroom Allianz Ego, o espazo destinado a marcas emerxentes da pasarela madrileña.
Concretamente, Rodríguez Eiras estrea na pasarela madrileña a súa marca RDRS, xurdida do seu proxecto de fin de máster. “A marca naceu desta colección e segue a mesma liña conceptual, artística e téxtil”, sinala esta egresada, que desenvolveu como traballo final para este mestrado da Facultade de Deseño unha colección na que buscaba recrear “un universo infantil” a partir de pezas cheas de cor, texturas e estampados. “O que expoño aquí, na Allianz Ego é parte da colección de Debut e outras pezas que fixen despois e que van na mesma liña, evocando o infantil”, sinala a deseñadora, que comezou xa “a experimentar con diferentes téxtiles, técnicas e materiais” na súa etapa como alumna da Facultade de Belas Artes. “A partir de aí, matriculeime no mestrado e seguín con isto ata a presentación da colección de fin de máster en Debut”, lembra esta egresada, que desde este xoves exhibe na Fashion Week parte dunha colección na que propuña "unha revisión dos obxectos e a súa función, ensamblando e experimentando con varios materiais ata chegar a unha colaxe táctil e visual que evoca o xogo". Ao mesmo, a estas "pezas máis artísticas", nacidas cmo traballo académico, suma outras propostas que "expanden" este universo “a nivel custom e de vestir”, posto que o showroom é un espazo no que non só pode exhibir o seu traballo, senón tamén pór á venda as súas creacións.
Preto de 450 docentes e investigadores de 95 institucións de ensino superior de 20 países reuníronse nos últimos días en Montevideo, con motivo do IV Congreso Latinoamericano de Investigación y Educación Superior Interdisciplinaria, dirixido a promover o intercambio de experiencias e proxectos baseados na combinación de diferentes áreas de coñecemento, como é o caso do programa de doutoramento do Campus Crea. De aí que a Universidade de Vigo fose unha tras tres institucións académicas españolas presentes no evento promovido pola Universidad de la República e no que a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, buscaban dar a coñecer o programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible.
Creado en 2017, ao abeiro do proxecto de especialización do campus pontevedrés, este programa promove a realización de estudos que vinculen cando menos dous ámbitos de coñecemento diferentes, fomentando no desenvolvemento de investigacións interdisciplinares que conecten as áreas de innovación e sostibilidade dos recursos naturais; innovación en saúde; deseño e innovación social; innovación, sostibilidade e comunicación; innovación pedagóxica na profesionalización docente e gobernanza e innovación. De aí que Fernández Souto puña o foco na “oportunidade” que supuña estar presentes nun “congreso moi específico sobre interdisiciplinariedade e educación superior”, tendo en conta ademais que, se ben, “comezan a implantarse graos interdisciplinares”, existen menos experiencias no ámbito dos estudos de doutoramento, de tal xeito que se trata dun “programa bastante pioneiro, que espertou moito interese entre investigadores de diferentes países”, recoñece.
Investigadora do grupo dx5 da Facultade de Belas Artes, Antía Iglesias centrou a investigación que desenvolveu para a súa tese de doutoramento no traballo con tres especies de plantas exóticas e invasoras que poden atoparse na ribeira do Umia e coas que tratou de xerar papeis e tintas. A investigación que levou a cabo no Doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible implicaba unha combinación entre a a creación artística e a enxeñaría química e forestal e, ademais destes materiais, deu lugar tamén a un conxunto de obras que se deteñen nos propios procesos de traballo para a obtención destes papeis e pigmentos, reunidas nunha exposición na Fundación RAC. Baixo o título de Un bosque de malas hierbas, esta mostra presenta un conxunto de pezas que abranguen do gravado e o debuxo aos procesos dixitais e as instalacións e que, explica, “pretenden visualizar esa colaboración entre a arte e a ciencia, abordando, desde a hibridación de ambas linguaxes e metodoloxías, a cuestión do residuo vexetal de especies exóticas”.
“A exposición é un resultado máis da tese”, recoñece Iglesias, que o pasado venres defendía na sede desta fundación a investigación que desenvolveu baixo a dirección da profesora de Belas Artes Anne Heyvaert, comisaria desta exposición, e da directora da Escola de Enxeñaría Forestal, Ángeles Cancela. A contuación, inaugurábase tamén unha mostra que pode visitarse desde este luns e que se insire na colaboración entre a Fundación RAC e a Universidade de Vigo. A exposición pode contemplarse en horario de 18.00 a 21.00 horas e clausurase este sábado 20 cunha visita guiada pola artista, que buscou que nela se visen reflectidas as dúas dimensións da súa investigación, “tanto a parte de laboratorio como de taller”.
Xerar sinerxías entre o alumnado dos diferentes centros de formación artística superior de Galicia é o propósito da Residencia de Creadores e Creadores Emerxentes Interaccións artísticas en Galicia, que desde este martes reúne no Pazo de Mariñán, no muncipio coruñés de Bergondo, alumnado das facultades de Belas Artes e Deseño, dos conservatorios superiores de música da Coruña e Vigo e de diferentes escolas superiores de deseño. Coa pedra como eixe temático, o obxectivo destes encontros é que estudantes de diferentes ámbitos artísticos poidan traballar de forma conxunta e dar forma a proxectos creativos de carácter interdisciplinar. Promovida pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) xunto coas diferentes institucións educativas participantes, coa colaboración da Deputación da Coruña, trátase da quinta edición desta residencia, na que a UVigo está representada por oito alumnas do campus pontevedrés.
“O interesante destes encontros é que vén xente do ámbito da música, do teatro, das artes plásticas en todas as facetas... A idea é que poidan traballar en común e que xurdan proxectos desas conexións”, sinala o profesor de Belas Artes Ignacio Barcia, que coordina a participación do alumnado do campus neste proxecto xunto con Román Corbato, da Facultade de Deseño, centro que se suma por primeira vez a esta iniciativa. Ao longo desta semana, as estudantes Mónica Lago, Alba Pino, Elena Ramírez, Jimena Rodríguez, Nerea Santiago, Cristina Souto, Sandra Barreiro e Ruth Vidal desenvolven neste pazo as propostas artísticas que idearon a partir do lema desta edición A pedra: tempo e materia. Coincidindo co feito de que a RAGBA dedica neste 2024 o Día das Artes Galegas ao escultor Francisco Asorey, avogouse porque a pedra fose o “eido de reflexión tránsito ou chegada dos procesos de creación” desta edición, na que participan, xunto ás facultades e conservatorios, as escolas superiores de deseño Pablo Picasso, Mestre Mateo, Ramón Falcón e Antonio Faílde, así como a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD).
Valéndose de materiais de refugallo atopados en diferentes puntos de Pontevedra, o estudante de Belas Artes Manuel Balsas explora a expansión da pintura máis aló dos límites e técnicas tradicionais do cadro na exposición Romper, pintar, atopar, andar, que na tarde desta venres se inaugura no local da asociación Kentada. Co investigador predoutoral Carlos Fer como comisario, esta mostra abre tamén unha liña de colaboración entre a facultade e esta asociación creada por exalumnos e exalumnas de Belas Artes, que levará a estudantes de Belas Artes a defender neste espazo os seus traballo de fin de grao. Ese é precisamente o caso de Balsas, que nesta xornada presentaba o TFG do que saíron as obras que conforman esta exposición.
Conformada por unha escolma das pezas que Balsas desenvolveu para o seu proxecto académico, nesta mostra preséntanse un conxunto de obras nas “a pintura reinvéntase, pasando de ser unha técnica confinada a un soporte bidimensional a un acto que involucra obxectos e contronas, desafiando as percepcións convencionais”, segundo recolle o texto de presentación desta exposición. Como explica este alumno, trátase do resultado dun proceso no que buscou afondar nas posibilidades da pintura “como un fío condutor”, como un medio para conectar unha serie de obxectos que buscaba que “funcionasen como cor ou como formas" e cos que observar "os diálogos que puidesen xurdir entre a materia e a pintura”.
O Teatro Fernando Fernán Gómez de Madrid acollía na noite deste xoves o acto de entrega Premios Academia de la Moda Española 2024, a iniciativa coa que se pon en marcha unha academia recentemente constituída, que reúne representantes dos ámbitos do deseño, a industria, a imaxe ou a investigación. Promovida pola Fundación Academia de la Moda Española, esta iniciativa botou andar co nomeamento de 129 académicos e académicas fundadores, entre os que se se atopa a coordinadora do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo, Lola Dopico.
Como explica Dopico, esta iniciativa foi promovida por unha fundación de recente creación, presidida polo deseñador Modesto Lomba e impulsada precisamente co obxectivo de pór en marcha unha academia “onde teñan cabida os deseñadores e deseñadoras, pero tamén a parte de artesanía, a investigación e a difusión”, de tal xeito que permita congregar “todos os colectivos que se reúnen en torno á moda”. Para a súa a posta en marcha, o padroado desta fundación convidou a converterse en académicos e académicas fundadoras a profesionais de diferentes ámbitos, entre os que se atopa a investigadora da UVigo. Neste punto, Dopico, que participaba este xoves no acto de entrega de premios, recoñece este nomeamento como unha posta en valor “do traballo formativo, de investigación e de difusión que vimos facendo, primeiro co título propio de Esdemga e despois mestrado” adscrito á Facultade de Deseño. Nese senso, destaca o seu nomeamento como académica fundadora como unha posta en valor “do traballo desenvolvido desde a Universidade de Vigo e desde o mestrado, que ten unha repercusión da que ás veces non somos moi conscientes”.