Ata este venres 25, diferentes facultades e escolas do campus de Pontevedra e outros espazos da cidade acollen as conferencias, obradoiros, mesas de debate e actividades culturais que conforman o programa da Semana CREA, que neste 2025 ten como eixe temático a sostibilidade. A sede da Vicerreitoría acolleu este martes o acto inaugural desta Semana da Creatividade, que ten como obxectivo dar visibilidade ao proxecto de especialización do campus pontevedrés, a través dun conxunto de actividades abertas á cidadanía. Promovida polo Campus Crea, co patrocinio da Deputación de Pontevedra, esta programación incorpora por primeira vez un eixe temático, co obxectivo tanto de “proxectar todo aquilo no que estamos traballando no campus de especialización”, como de “xerar pensamento e reflexión sobre a sostibilidade”, salientou Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus Crea.
A programación que cada ano se desenvolve coincidindo co Día Internacional da Creatividade e da Innovación constitúe un “punto estratéxico” á hora de dar “unha maior visibilidade ao campus de especialización”, engadiu a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, neste acto inaugural. “Un dos eixes estratéxicos deste traballo é conseguir que o Campus Crea se consolide, de forma que poidamos acabar a acreditación”, como campus de especialización por parte da Xunta de Galicia, subliñou a vicerreitora. Neste punto, Lantarón destacou a “singularidade” dun campus, con varias titulacións “de carácter creativo, únicas en Galicia” e que, sumadas á propia actividade cultural de Pontevedra, fan desta “unha das cidades máis importantes a nivel internacional” no eido da creatividade.
Pensarmos futuros sustentables é neste 2025 o lema da Semana CREA, o programa de actividades abertas a toda a cidadanía que busca servir como escaparate do proxecto de especialización do campus pontevedrés. Promovida polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, esta nova edición da Semana da Creatividade desenvolverase entre o 21 e 25 de abril, coa participación entre outros, do considerado mellor creativo publicitario español do século XX, Toni Segarra, da investigadora e deseñadora de moda Elisa Palomino ou do artista gráfico Bruno de Almeida. A moda sustentable, a creación artística con materiais de refugallo ou o deseño colaborativo son algunhas das temáticas na que porá o foco unha programación na que se insiren tamén catro obradoiros, así como un ciclo de cine que botará a andar este venres na sede da Vicerreitoría.
Como explica a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, trátase dunha programación que aborda “a creatividade nun sentido interdisciplinar e transdisciplinar” e que busca servir como “un escaparate do que é o Campus Crea”, no marco dos traballos para acadar a súa acreditación. Unha das novidades desta edición, engade, é o obxectivo de que esta Semana CREA teña cada ano “un eixe temático”, como sería neste caso a sustentabilidade, á vez que estean reflectidos nesta programación os diferentes ámbitos do Campus Crea.
Na xornada na da súa estrea, o alumnado da Facultade de Comunicación puido coñecer de primeira man tanto os contidos como o proceso de rodaxe da serie Punto Nemo, a través da proxección do seu primeiro capítulo e dun coloquio co seu director, Denis Rovira, a produtora executiva Mamen Quintas e un dos seus actores protagonistas, Maxi Iglesias. Esta presentación permitiu nese senso achegar o alumnado aos procesos de traballo dunha serie rodada en Galicia, dando continuidade ás Xornadas Profesionais que nestes días permiten ao estudantado do Grao en Comunicación Audiovisual afondar no labor de diferentes departamentos desta industria.
“Para nós é unha honra acoller esta preestrea”, recoñecía o vicedecano de Comunicación, Paulino Pérez, quen este mediodía se encargou de guiar a conversa con Rovira, Quintas e Iglesias sobre a serie que nesta xornada estrea a plataforma Amazon Prime Video e que na tarde deste venres será presentada no Museo de Pontevedra. Este proxecto da empresa galega Ficción Producciones foi presentado polo seu director como “unha historia que mestura thriller e ciencia ficción con elementos de terror”. Trátase, engadiu Rovira, dunha “grande aventura que fala de misterios cósmicos e de segredos que se esconden nun lugar imaxinario, pero baseado nun lugar real, o punto do Océano Pacífico máis afastado de terra firme”, no que desde hai décadas “déixanse caer as naves espaciais na súa reentrada á atmosfera" e ao que chegaría nesta historia unha expedición conformada por militares e científicos “cun fin ecoloxista”. Cun equipo técnico galego e “rodada ao 90%” en Galicia, Punto Nemo “é unha aposta moi forte de Ficción Producciones”, sinalou Rovira, que destacou que esta serie, que contou “cun gran despregue de medios” e que arranca cun capítulo rodado en boa parte en alta mar, constituíu o “maior reto” da súa carreira.
A estudante da Facultade de Comunicación Xulia Vicente alzábase este venres co premio de prata no certame para novas e novos talentos dos Premios Nacionais da Creatividade, categoría á que concorreron preto de 200 proxectos. A alumna do Grao en Publicidade e Relacións Públicas recollía o seu galardón no marco dos actos que o Club de Creatividad, entidade organizadora destes premios, promove este venres e sábado en Donostia (San Sebastián). O traballo de Vicente fora un dos seis seleccionados como finalistas da categoría Jóvenes Creativos, na que as e os participantes debían deseñar unha acción de comunicación para Mahou. Ás e os seus autores participaban este venres no Palacio de Congresos Kursaal no acto de entrega dos tres premios outorgados por un xurado integrado por oito das e dos responsables dos Premios Nacionais da Creatividade 2025, nos que se distinguen os principais traballos publicitarios do ano en España, así como por un representante de Mahou.
O premio de ouro desta categoría foi para o proxecto Leyendas del fútbol, de Marta Landa e Matxalen Múñoz, da escola Aula Creativa; mentres que Vicente logrou a prata grazas a La cantera de Mahou, e o terceiro premio foi para os estudantes de The Atomic Garden Jesús Gómez e Andrés María García. Tanto os seus proxectos como as outras tres propostas finalistas formarán parte do Anuario de la Creatividad Española, no que a entidade promotora destes galardóns reúne os mellores anuncios do ano.
Kikotia, Vejas e Iskorva son tres grupos musicais emerxentes lituanos, que nas últimas semanas estreaban novos videoclips realizados por equipos de estudantes de diferentes países, entre os que se atopaban tres estudantes da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo. Os alumnos Hugo Vila, Alberto Pérez e Laura Fernández tomaron parte nesta iniciativa ao abeiro dun curso intensivo promovido pola Gediminas Technical University de Vilnius (Vilnius Tech), ao abeiro do programa Erasmus +, que levounos en primeiro termo a tomar parte nun programa formativo de carácter virtual, para logo participar en Lituania no proceso de rodaxe dos diferentes videoclips.
“O proxecto baseábase en facer un videoclip con unicamente cinco tomas e música en directo”, apunta Alberto Pérez, que exerceu como operador de cámara, editor de vídeo e artista de efectos visuais no videoclip de Iskorva, no marco do que define como unha experiencia “extremadamente produtiva”, que compartiron con estudantes de Grecia, Paises Baixos e Letonia, así como da propia Vilnius Tech. “Coñecer o proceso de produción dun videoclip era algo novo para min e a verdade é que pareceume moi interesante”, engade Laura Fernández, responsable da posprodución de son na peza do grupo Vejas, na que traballou tamén na gravación do son en directo, así como na produción creativa. Hugo Vila, pola súa banda, exerceu como director de fotografía e responsable creativo da gravación realizada con Kikotia, na que traballou tamén como operador de cámara e na corrección de cor.
Os Premios Nacionais de Creatividade 2025 reunirán a industria publicitaria española este venres e sábado en Donostia (San Sebastián) e alí estará tamén a estudante da Facultade de Comunicación da UVigo Xulia Vicente, como finalista da categoría Jóvenes Creativos. O traballo desta alumna do Grao en Publicidade e Relacións Públicas foi un dos seis seleccionados, de entre preto de 200 candidaturas, polo xurado responsable duns galardóns dirixidos a recoñecer as e os novos talentos do sector, no marco dun evento no que se premian os mellores traballos publicitarios do ano en España. A súa proposta e o resto de finalistas formarán parte así mesmo do Anuario de la Creatividad Española, na que a entidade promotora destes premios, o Club de Creatividad (c de c), reúne os mellores anuncios do ano.
“Xa non é só alucinante o feito de quedar finalista, senón aínda máis permanecer ‘gardada’ nun anuario que significa tanto”, salienta Vicente, quen destaca o valor de poder figurar, “aínda sen rematar a carreira”, nunha publicación que reúne anualmente “campañas de axencias e xente que admiro”, sinala. De feito, estes Premios Nacionais da Creatividade contaron neste 2025 con 1463 inscricións, que darán lugar a 423 mencións e 181 proxectos recollidos na XXVI edición deste anuario. De aí que esta estudante defina como “algo así coma un soño” a súa presenza como finalista na gala de entrega destes galardóns, despois de ter participado no evento en 2022 como voluntaria.
Protagonistas da nova exposición que este xoves se inaugura na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, tanto Alberto Ardid, Tayone e os integrantes do colectivo Rapapawn, Cynthia Alfonso e Óscar Raña, como a súa comisaria, Sara Donoso, formáronse na Facultade de Belas Artes. Este vínculo común e, nomeadamente, as súas lembranzas do punto de encontro que supuña a antiga cafetaría do centro convertéronse no punto de partida da mostra Bar-Cafetería. Grazas pola súa visita, un proxecto que mestura as ideas de exposición e cafetaría co propósito de facer desta sala un espazo de encontro.
“Non é exactamente unha cafetaría, tampouco unha exposición ao uso”, recoñece Donoso dunha exposición, promovida coa colaboración da Deputación de Pontevedra, que poderá visitarse ata o 30 de maio na sala de exposicións do campus. Neste proxecto, as obras destes artistas conviven con mesas e cadeiras da antiga cafetaría da facultade, á vez que algúns elementos do seu mobiliario forman parte das instalacións que completan o proxecto expositivo. “A idea é que o espazo teña vida e que a xente enténdao como un punto de encontro, ao que veña gozar das obras, pero tamén usalo”, engade a comisaria desta mostra, na será posible tomar café e infusións ou consultar diferentes libros e catálogos.
A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes inaugura o vindeiro xoves 13 de marzo Bar-Cafetería. Grazas pola súa visita, unha exposición que reúne as obras de Alberto Ardid, Tayone e o colectivo Rapapawn, integrado por Cynthia Alfonso e Óscar Raña, todos eles antigas e antigos estudantes de Belas Artes. Coa tamén egresada da facultade Sara Donoso como comisaria, esta exposición busca ir máis aló, explica, da “mostra artística convencional para converterse nun acto de reflexión sobre a importancia de reabrir” a cafetaría do centro “como punto social e de intercambio de ideas para a facultade”.
Despois de que as diferentes convocatorias para a adxudicación deste servizo quedasen desertas, o espazo que ocupaba a antiga cafetaría foi acondicionado no curso 2022/2023 para converterse na sala O Abrigo, que desde entón vén acollendo un programa de exposicións, protagonizado principalmente polas creacións do alumnado, así como outra serie de actividades do estudantado do centro.
Dous investigadores predoutorais da Facultade de Belas Artes, Carlos Fer e Andrea Davila, son os gañadores do Certame de Residencias Artísticas Novos Valores do Museo de Pontevedra, o que permitiralles desenvolver os seus proxectos artísticos nas estadías que levarán a cabo na Fundación Nicole & Walter Leblanc de Bruxelas e no Centro de Residencias Artísticas Matadero de Madrid. Investigadora do grupo Prace, Davila centrará o seu proxecto na interrelación do corpo humano coa contorna, mentres que Carlos Fer, integrante do grupo dx5, buscar afondar na idea da “antipintura”. As obras xurdidas destas residencias exhibiranse este verán no marco da programación da 32ª edición da Bienal de Pontevedra.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, e a directora do Museo, Ángeles Tilve, presentaron este venres o resultado desta convocatoria, resultado da “nova orientación” do certame Novos Valores, que pasa de premiar unha obra a outorgar a oportunidade aos dous artistas que “presentaron o mellor proxecto” de participar nunhas residencias que suporán “unha experiencia vital e artística fundamental”, á vez que sitúanos “na vangarda europea da arte”, salientou Domínguez. O acto contou coa participación por videoconferencia de Luisa Espino, responsable de Matadero, un espazo “dedicado exclusivamente a residencias artísticas” de múltiples disciplinas dependente do Ayuntamiento de Madrid, e de María Inés Rodríguez, directora da Fundación Nicole & Walter Leblanc, que leva a cabo un programa de residencias para que novas e novos artistas acheguen outras miradas ao legado de Walter Leblanc a partir do seu traballo cos arquivos deste artista cinético e conceptual.