Ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), a Facultade de Comunicación converteuse o pasado curso en sede do curso Comunicar para o cambio, do que xurdiu Mar de fóra, a curtamtetraxe documental sobre a migración feminina a Canarias, realizada polo estudante desta facultade Ángel Cea, xunto con Érika Martínez e Miriam Rodríguez. Participantes na última edición deste curso de especialización, os tres foron seleccionados para viaxar o pasado verán ao arquipélago e gravar un documental que trata de debullar a realidade das mulleres migrantes na ruta canaria. O resultado final estrearase o vindeiro xoves 6, ás 20.00 horas, na sede da Vicereitoría do campus, nun acto promovido por Agareso coa colaboración da Universidade de Vigo.
Este Curso de Especialización en Comunicación para o Cambio Social complétase cun módulo práctico que permite aos e ás estudantes que presenten os mellores traballos de cada edición pór en práctica os coñecementos adquiridos desenvolvendo un proxecto real. Neste caso, Cea, Martínez e Rodríguez foron os escollidos para viaxar a Canarias, onde traballaron nunha documental que “trata de debullar a realidade migratoria feminina” a través das voces das súas protagonistas e das persoas que traballan directamente con elas á súa chegada ás illas, que o pasado ano recibiron 47.000 persoas migrantes.
Un percorrido pola historia do deseño gráfico en Galicia, que “retrocede varios séculos na historia dos símbolos que forxaron a identidade do país e que influíron no deseño gráfico contemporáneo”. Deste xeito presenta o decano da Facultade de Deseño, Marcos Dopico, A Galicia deseñada, o libro que recolle os resultados da investigación sobre a creación de símbolos, marcas e identidades gráficas en Galicia que levou a cabo xunto aos deseñadores e investigadores Cibrán Rico e Suso Vázquez. Editado pola Universidade da Coruña e Fabulatorio, o volume permite coñecer como unha serie de símbolos “arraigados na cultura galega” foron empregados e reinterpretados por institucións e empresas para a construción de identidades corporativas que as vinculasen co territorio, contribuíndo, como sinala Dopico, a que Galicia posúa “unha identidade gráfica diferenciada”.
Resultado da investigación desenvolvida por Dopico xunto a Rico e Vázquez, responsables do estudio Desescribir, investigadores predoutorais na UVigo e profesores na Facultade de Deseño, A Galicia deseñada toma como base a exposición do mesmo nome que presentaban a finais de 2022 na Sala Normal da Universidade da Coruña. Nela, propuñan un percorrido pola historia do deseño en Galicia a través dunha selección de cen símbolos, marcas e identidades gráficas, que agora amplían nun volume de preto de 700 páxinas con novos textos que afondan nos “diferentes condicionantes económicos, sociais e políticos que ao longo da historia influíron no deseño no país” e con “novas pezas e marcas gráficas”. Trátase nese senso, recoñece Dopico, do primeiro libro “que analiza de forma completa e extensa a historia do deseño de identidades corporativas e a creación de símbolos identitarios” en Galicia.
Unha investigación sobre a relación que se dá entre corpo e espazo a través do uso do téxtil nas instalacións artísticas contemporáneas. Deste xeito preséntase o libro Espacios Textiles: Habitando la interfaz, nova publicación do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), da Facultade de Belas Artes, que recolle os resultados do estudo de máis de 200 obras de artistas dos séculos XX e XXI, que Sara Coleman desenvolveu no marco da súa tese de doutoramento e que deu como resultado o primeiro libro centrado nas instalacións artísticas téxtiles. Publicado polo grupo dx5 e Dardo, co financiamento da Xunta de Galicia, o ensaio “parte da idea de que o téxtil é reflexo dunha estrutura de pensamento que sucede a través dunha relación material entre corpo e espazo, onde o tecido se sitúa como interface”, sinala esta artista e investigadora.
“Neste ensaio, proponse pór o foco nese espazo intermedio que ocupan os téxtiles e que permite aos artistas explorar novas formas de expresión e significado”, engade Ana Soler, directora do grupo dx5 e editora dun volume que recolle unha adaptación da tese que Coleman desenvolveu baixo a súa dirección. Espacios Textiles: Habitando la interfaz articúlase arredor do concepto de “modos téxtiles”, co que Coleman busca ir máis aló do uso de tecidos na arte “para referirme aos téxtiles nun sentido amplo e, sobre todo, para entendelos como procesos e formas de facer”. Xerados a través do entretecido, do anoado ou do compactado, “os téxtiles encerran múltiples e diversas formas de procesar que, á súa vez, remítennos a diferentes formas de pensamento”, subliña a tamén profesora da Universidad de La Laguna.
Desde o curso 2019/2020, o profesor da Facultade de Comunicación Alberto Dafonte desenvolve un proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) no que o alumnado deste centro elabora unha serie de vídeos divulgativos dirixidos a informar dos efectos da desinformación e das ferramentas existentes para combatela. Co obxectivo de facilitar o acceso a esta serie de contidos, esta iniciativa vese complementada pola posta en marcha dun repositorio dixital que reúne os vídeos realizados nas últimas edicións desta actividade, na que o alumnado conta coa colaboración da ONG Ecos de Sur, que lles achega asesoramento e formación complementaria.
O obxectivo desta iniciativa, enmarcada nas actividades do grupo de innovación docente Dixitais, é permitir que a cidadanía “poida ter acceso, dunha maneira máis ordenada e organizada” a uns “traballos que poden ser moi útiles”, apunta Dafonte. Despois de que nas últimas semanas finalizase a sexta edición dunha actividade seleccionada na convocatoria de proxectos de ApS no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da UVigo, a posta en marcha deste repositorio permite coñecer os vídeos realizados e publicados en diferentes redes sociais nas últimas semanas por 35 estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual, na sexta edición do proxecto Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática. Tratábase, como apunta Dafonte, do segundo curso no que o proxecto se desenvolvía no marco da materia Propaganda en medios audiovisuais, o que permite “unha vinculación máis profunda entre a dimensión teórica da materia e o seu desenvolvemento práctico, entrando nunha etapa máis especializada en canto aos contidos abordados no proxecto”.
Horizontes é o título da exposición que reúne na sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes, as creacións de trece artistas emerxentes e que nos próximos meses poderá verse tamén en A Coruña, Monçao e Donosti. Cos estudantes da facultade Noela Paz e Iñigo Barreiro como comisarios, esta mostra propón unha reflexión “sobre a relación entre o ser humano e o seu medio”, explican, na que, a través de gran variedade de técnicas, as e os artistas buscan “explorar as conexións entre as persoas e os espazos que habitan”. Nese senso, pintura, fotografía, vídeo, cerámica e ensamblaxe conviven nesta exposición, inaugurada na tarde deste luns e que poderá visitarse nesta sala ata o 23 de xaneiro.
Como “un espazo para cuestionar e reimaxinar, un limiar entre o individual e o colectivo” preséntase esta mostra colectiva, na que “a arte convértese nun catalizador de novas formas de pensar e sentir, fomentando unha relación máis profunda e consciente co mundo que nos rodea”. Faino a través das creacións de Ada Pérez, Ana Allegue, Ángel Raquidiam, Ángela Estévez, Carolina Ferro, Chary Docal, Chuvia Lago, Ismael Prieto, Luca Rodríguez, Manuel Balsas, Mónica Pérez, Pablo Martínez e Río Marbán, seleccionados nunha convocatoria aberta impulsada polos comisarios en redes sociais. Todas e todos eles, explican Paz e Barreiro, son estudantes e antigos alumnos e alumnas da facultade pontevedresa, coa excepción de Raquidiam, quen cursa esta titulación na Universidad de Castilla-La Mancha.
Co propósito de poder avanzar no proxecto de especialización do campus pontevedrés, de cara a someterse nun futuro ao proceso de acreditación por parte da Xunta de Galicia, o Consello de Campus de Pontevedra aprobou este xoves o plan estratéxico do Campus Crea para o período 2024-2027. Trátase dunha folla de ruta que recolle as liñas de actuación e obxectivos estratéxicos do proxecto, así como as súas catro liñas de especialización, centradas nas súas conexións da creatividade coa arte, a comunicación, o deseño e a educación. Este documento, que deberá ser ratificado tamén polo Consello de Goberno, foi aprobado na primeira sesión deste órgano neste 2025, na que o reitor, Manuel Reigosa, informou dos traballos para impulsar no campus un instituto de investigación, que tería como eixes o deporte e a educación e que sería o primeiro en pórse en marcha en Pontevedra.
A sesión desenvolvida este xoves na Casa das Campás completouse cos informes da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón.
Aínda que o fai, recoñece, sen “ningunha vontade de historiador”, o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego percorre a historia da pintura no seu novo libro El espacio salvado. Álbum de imágenes. Non en van, o volume reúne máis dun centenar de imaxes de obras pictóricas de diferentes épocas, desde pinturas etruscas ata obras do século XX, acompañadas de textos que non buscan describir ou contextualizar as imaxes, senón que reflicten o que estas lle evocan ou as reflexións que xorden da súa contemplación. “Este libro só responde ao pracer de converter en palabra a pintura”, recoñece no prólogo este profesor de Estética, que na tarde deste luns presenta esta publicación na libraría Metáfora, acompañado polo artista e profesor da facultade Jorge Varela e polo artista e arquitecto Diego Germade.
“É un libro que en certa maneira responde ao pracer das incidencias e das digresións”, sinala Ruiz de Samaniego do volume editado por Shangrila, que ten como punto de partida os comentarios de pinturas que foi reunindo ao longo dos últimos dez anos. De feito, no libro non só conflúen os cadros de Giotto, Caravaggio ou Michelangelo con frescos do Románico ou obras de Duchamp, Klee, Constable ou Malevich, senón que o autor buscou tamén que, nos comentarios, fose un volume “moi variado desde o punto vista estilístico”. Deste xeito, o libro reúne desde textos que “achéganse máis a un ton poético a outros con unha vontade máis académica”, pasando por outros cun “corte máis narrativo” ou mesmo algúns “que se desenvolven a modo de diálogo”. Do mesmo xeito, ademais desta variedade estilística, este volume, “produto das circunstancias, de encontros felices coas imaxes”, tamén reúne olladas diversas ás obras, que van do que a pintura evoca ao escritor, a “digresións a partir das imaxes, ideas que atopo nas pinturas, pensamentos aos que me pode levar un cadro...”, sinala. Ideas que levan á súa vez a Ruiz de Samaniego a conectar un conxunto de pinturas que abranguen un período temporal de case dous mil anos, coa literatura, a música ou a filosofía. Neste senso, no libro poden atoparse referencias a escritores como Pessoa, Borges, Proust ou Baudelaire, a cineastas como Hitchcock ou a filósofos como Barthes.
“Unha selección de proxectos artísticos resultado dun longo e intenso proceso de investigación e creación”, que reflicten “os intereses e inquedanzadas de toda unha promoción” de graduados e graduadas en Belas Artes. Deste xeito preséntase Do final e do comezo, a exposición que desde este venres reúne no Pazo da Cultura os proxectos artísticos desenvolvidos por 28 novos titulados e tituladas desta facultade no marco dos seus traballos de fin de grao (TFG). Promovida polo Concello e a facultade, a exposición comisariada por María Gar e coordinada por Vaciocero Servicios Culturales poderá visitarse ata o 12 de xaneiro e verase complementada por visitas guiadas e talleres.
Pinturas, esculturas, pezas cerámicas, creacións audiovisuais, debuxos, fotografías, instalacións, videoxogos e pezas inmersivas conforman esta nova edición dunha mostra que cada ano reúne no Pazo da Cultura unha selección dos TFG defendidos o pasado curso na facultade. Trátase, como lembran as coordinadoras da exposición, de obras que representan “o broche final dunha etapa de aprendizaxes, experimentación e transformacións, para dar paso a novos camiños”, que son á súa vez “múltiples, diversos e en constante movemento”.
Da memoria familiar e as lembranzas do fogar á vida nunha residencia estudantil, pasando por un retrato visual do barrio vigués de Coia. A contorna natural, persoal e sentimental de nove estudantes das facultades de Comunicación e Belas Artes constituíu a fonte de inspiración das curtametraxes que na tarde deste martes abren a programación do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas. Trátase dos resultados finais do obradoiro Cine rachado e consciente na praza do teu pobo, que tivo como docente ao cineasta e egresado da UVigo Álvaro Gago.
Promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e Novos Cinemas e aberto á participación tanto de estudantes como de tituladas e titulados o pasado curso, o taller impartido por Gago, que en que en 2018 acadaba coa curtametraxe Matria o premio do xurado do Festival de Sundance, buscaba guiar o alumnado na busca dunha “ollada propia” como cineastas. Para isto, o director convidounos a buscar na súa propia contorna o material co que comezar a traballar nas curtametraxes que este martes presentaban na proxección previa á sesión inaugural de Novos Cinemas, dedicada ao filme La Parra, dirixido polo tamén egresado da UVigo Alberto Gracia.